‘Todas levamos o lume pra mudar a nosa historia’

A segunda xornada do Castelo Conta foi para descubrir, aprender e reivindicar o que é noso. Desde as fragas de Cabrois ata a praza da Taberna, pasando por Vilaverde e pola música urbana, o martes tivo un fío común: a vontade de manter vivas as historias, as palabras e as músicas que forman parte da nosa identidade.

A mañá comezou entre árbores e coa aparición dun dos pernas longas das fragas de Cabrois. A visita serviu para introducir as crianzas de Xente Miúda nun territorio cheo de pequenos segredos, que foron descubrindo da man de Juan e Luis mentres aprendían a recoñecer algunhas das plantas autóctonas da contorna.

Despois chegou o momento de experimentar. As mazás de Cabrois acabaron convertidas en zume para a merenda e cada nena e neno marchou cunha pequena planta para coidar na casa. Unha maneira de que a mañá non rematase ao deixar as fragas, senón que cada un puidese levar consigo un anaco do aprendido.

Ao mediodía, a Taberna volveu ser punto de encontro. Manuel Rodríguez, do restaurante Playa de Cova, e Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova, trouxeron ata Castelo dous petiscos con sabor á Ribeira Sacra: cachena, anguila afumada, mazá e castaña por unha banda; ovo frito, pato, castañas e panceta celta pola outra.

E mentres se comía, Tapa d’Orella foi facendo medrar o ambiente pouco a pouco. Joaquín e Darío puxeron música, bromas e moita interacción co público ata converter a praza nunha festa. A previsión anunciaba choiva, pero acabou saíndo o sol. Así que O menos malo resultou ser, precisamente, o tempo.

Pola tarde, os Contos de Castelo, que tiveron lugar en Vilaverde, puxaron a palabra no centro en Vilaverde. Josinho da Teixeira e Manolo Maseda, xa veteranos do festival, impartiron un obradoiro de regueifa no que a teoría durou pouco: axiña houbo persoas dispostas a subir ao palco e probar coas súas propias coplas.

A regueifa demostrou unha vez máis que é unha tradición que non está pechada no pasado. Pódese aprender, improvisar, rir e participar, sexa cal sexa a idade ou o lugar de procedencia. E ao final, xa non eran só as persoas que subiran ao palco: todo Vilaverde acabou cantando ‘A regueifar, a regueifar, aquí no Castelo Conta’.

Esa mesma vontade de manter viva a lingua apareceu tamén pola noite, desta vez desde a música urbana. Kid Mount abriu o serán co seu electro-xinzo, facendo bailar ao público a ritmo de reguetón e electrónica e cunha proposta que leva o galego a sons e espazos nos que, ata non hai tanto, non era habitual atopalo. Ao rematar, agradeceu precisamente ese apoio a quen fai posible que novas propostas continúen medrando.

Despois, 9Louro tomou o relevo cun directo no que mesturou pop, trap e reguetón, entre cancións, interacción co público e as lanternas dos móbiles iluminando a praza. Tamén houbo un momento para deixar a guitarra e a voz soas, nunha pausa máis íntima antes de volver á enerxía do concerto.

Quizais por iso cobra máis sentido a frase de Finita Gay que dá título a esta xornada: ‘Todas levamos o lume pra mudar a nosa historia’. O lume tamén está aquí: en quen recupera a regueifa, en quen ensina as especies autóctonas do país, en quen fai música en galego e en quen se achega a escoitala. Ao final, diso se trata: dos pequenos xestos que axudan a que a nosa lingua e a nosa cultura sigan tendo espazo para medrar.

O martes do Castelo Conta, en fotos!

Que bonito é facer as cousas polo pobo de cada quen
Canto coa miña gharghanta, non canto coa de ninghén
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.