Que bonito é facer as cousas polo pobo de cada quen

O Castelo Conta 2026 botou a andar cunha primeira xornada na que houbo tempo para crear, comer, cantar e lembrar. Desde Xente Miúda ata a Orquestra Bravú Xangai, comezou unha semana que a parroquia levaba tempo agardando.

‘Que bonito é facer as cousas polo pobo de cada quen. Que afortunados sodes aquí en Castelo’. A frase de Factoría de Subsistencia durante o primeiro Vermú quedou onte flotando na Taberna, entre pratos que ían e viñan e o ambiente dunha aldea que levaba meses desexando que esta semana comezase. Sen pretendelo, resumía bastante ben o que estaba pasando arredor: o Castelo Conta volvía poñer en marcha unha semana na que os espazos de todos os días (unha taberna, unha praza, unha eira) pasan a formar parte da programación sen deixar de ser, ao mesmo tempo, os lugares de sempre.

A mañá comezou coa cativada, que chegou a Xente Miúda para poñerse mans á obra con Iria, de Castelo Studio. A proposta era sinxela: saír buscar na natureza os materiais cos que construír unha máscara. Follas, ramas e outras pequenas pezas acabaron converténdose en personaxes diferentes, cada un coa súa forma. 

Mentres as máscaras quedaban rematadas, a Taberna empezaba a prepararse para o primeiro Vermú. Jorge Trigo, de A Espiga, puxo sobre a mesa un arroz popular con churrasco e maionesa de chimichurri; Nacho Moreira, de La Esquina de Valentina e Concha, completou o menú cun pan brioche de chuletón. E pouco despois chegou Factoría de Subsistencia, que converteu o xantar nun concerto no que houbo rock, retranca e máis dunha referencia ao feito de facer cultura desde o rural. A choiva ameazaba de cando en vez, pero a babuxa non impediu que a actividade se desenvolvese con normalidade.

A música foi deixando paso á palabra cando a tarde chegou a Castelo de Abaixo. Alí, Xurxo Souto, Tone Martínez e Inma Otero reuniron á veciñanza arredor da historia de Finita Gay, unha das primeiras mulleres en formar parte dunha orquestra en Galicia. O que comezara como un relato sobre unha pioneira acabou convertido nun encontro no que as lembranzas completaron a historia: anécdotas, cancións e vitores de ‘Medre a Martela’.

E esa memoria non quedou na praza. Cando anoiteceu, a Eira de López volveu poñer a música no centro coa Orquestra Bravú Xangai, que preparara para esta edición un concerto homenaxe arredor da figura de Finita. O mesmo nome que durante a tarde fora recuperado a través das voces da veciñanza apareceu agora entre guitarras, acordeón, batería e a enerxía dun directo que fixo cantar e saltar ao público.

Entre unhas cousas e outras, a primeira xornada foi debuxando o que probablemente sexa a mellor maneira de explicar o Castelo Conta: un festival que non chega a Castelo para ocupar os seus espazos, senón que os incorpora á súa maneira de vivir a semana.

E a semana acaba de comezar.

O luns do Castelo Conta 2026 en fotografías

Todo o que tes que saber sobre a décimo primeira edición do Castelo Conta
‘Todas levamos o lume pra mudar a nosa historia’
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.