O mércores no Castelo Conta foi un día de baile, música e tradición. Desde Xente Miúda ata a foliada, a cultura popular foi aparecendo en diferentes formas e deixando a Eira do Ferrador preparada para unha noite que acabou co ceo despexado e co público bailando.
Canto coa miña gharghanta, non canto coa de ninghén
O mércores amenceu coa choiva como compañeira de viaxe, pero en Xente Miúda xa estaba todo preparado para que a mañá non perdese o ritmo. As monitoras recibían a cativada cunha idea clara: poñer as mans á obra. Primeiro co obradoiro de monicreques, despois co teatro de O tranvía Leonardo, de Fantoches Baj, e máis tarde cos pasos do baile tradicional da man de Artur Puga. Fóra, a auga seguía facendo das súas. Dentro dos espazos de Xalo, porén, a actividade continuaba. A veciñanza abría as portas dos seus lugares para recibir ás crianzas e ver como a aldea se enchía de voces, xogos e movemento.
Ao mediodía tocou facerlle sitio á choiva. As carpas convertéronse no novo escenario dos Vermús na Taberna e, baixo elas, os fogóns seguiron funcionando. Lolo Mosteiro e Paula Martínez, de A Artesa da Moza Crecha, prepararon un bocata de xamón asado con churrasco e salsiña de pemento asado; Damián París, de Decanta-T, volveu por terceiro ano co seu mítico bocadillo de churrasco.
E se había que resgardarse para comer, tamén había que facelo para bailar. Balteira non deixou que a auga fose motivo suficiente para parar a música. O concerto tivo que adaptarse ás circunstancias, pero as xotas e as muiñeiras seguiron soando e, pouco a pouco, tamén os pés comezaron a moverse.
A choiva deu tamén o contexto para outro dos encontros da xornada. As pegadas do baile, o proxecto de Artur Puga, chegou ao Castelo Conta coa intención de achegar o baile tradicional desde a práctica, sen complexos e para todas as idades. Non puido desenvolverse como estaba previsto, pero a cativada achegouse igualmente, curiosa por probar aqueles pasos que aparecían debuxados no chan. Ás veces, para que unha tradición continúe, abonda con ter ganas de aprender.
Foi tamén un mércores de historias. Na Eira do Ferrador, Tone Martínez guiou uns novos Contos de Castelo nos que o baile se cruzou coa artesanía e cos saberes da veciñanza. Artur Puga volveu poñer o baile no centro, mentres Elena Ferro falou do seu oficio e dos. zocos. Simón, de Clínica Pardiñas, levou a conversa por outro camiño: os remedios caseiros e os recordos de como se coidaban os dentes cando os dentistas eran ben diferentes aos de hoxe.
E, como adoita pasar nos Contos de Castelo, as historias non viñeron só de quen estaba no palco. A veciñanza foi engadindo as súas propias lembranzas e experiencias, facendo que a conversa medrase a medida que avanzaba. Unha forma de recuperar ese coñecemento que non adoita estar nos libros, pero que permanece nas persoas.
A tarde foi pasando e, por fin, o ceo deu unha tregua. Despois dun día enteiro pendentes da choiva e do vento, apareceu o sol xusto cando Ailá estaba a piques de subir ao escenario. Quizais por iso había tantas ganas de bailar. A música, construída a partir de recollidas populares e do repertorio tradicional, fixo o resto. Primeiro foi unha persoa, despois outra, ata que a Eira do Ferrador acabou sendo, máis ben, torreiro.
E cando chegou a Foliada do Castelo Conta, xa estaba todo preparado. A xente viña quente, a Eira tiña ganas de festa e a noite foi collendo velocidade entre xotas, maneos, pasodobres e muiñeiras. A esas alturas, xa non había quen sacase de alí a ninguén.
Canto coa miña garganta, non canto coa de ninguén. A frase que, sen pretendelo, definiu un mércores no que cada quen puxo a súa propia voz: nos contos, nos bailes, nas cancións e tamén nos recordos da veciñanza. Desde as primeiras actividades da mañá ata a noite, o día foi deixando claro que a tradición non é algo que quede atrás. Está tamén no que facemos hoxe, cando a aprendemos, a transformamos e a volvemos levar á festa.
Non hai unha única maneira de manter vivas esas historias, esas palabras e esas músicas. Ás veces é simplemente seguir facéndolles sitio. E o mércores, no Castelo Conta, houbo sitio de sobra.
