Que poidamos algunhas cando outras non poidan

O xoves foi un día para crear, compartir e reivindicar. Da imaxinación de Xente Miúda á feira de De Ninghures, pasando polos Vermús, os Contos de Castelo e a estrea de ‘Mulleres que Contan’.

O xoves comezou entre obxectos que deixaban de ser o que eran. En Xente Miúda, Xavi Lozano chegou coa capacidade de facer música con case calquera cousa e deixou á cativada abraiada cun espectáculo no que unha valla, unha escaleira, unha muleta, un ladrillo ou mesmo a roda dunha cadeira podían converterse nun instrumento. Despois tocou probar: cada nena e cada neno construíu o seu propio instrumento con materiais de refugallo e puxo en práctica o aprendido. Ao rematar, unha pregunta resumía perfectamente a mañá: ‘Todo na vida é un instrumento?’. Pois igual si.

Mentres a cativada experimentaba, na Taberna comezaba a prepararse outro dos encontros do día. Os Vermús volveron poñer a praza en movemento. Álex Méndez, de Os Cachivaches, preparou un arroz meloso de gambas, algas e vainilla que desapareceu en cuestión de minutos. Bea Sotelo, de Illas Gabeiras, trouxo un bocata de carrillera con verduras de temporada, pesto e parmesano. E, cando Unto Vello comezou a tocar na Lacena Pequena, quedou claro que aquel mediodía tampouco estaba pensado para quedar sentado.

Bieito e Xabi levaron á praza a súa maneira de entender a música tradicional: voces, acordeón, percusión e repertorio popular para facer comunidade, pero tamén para poñer os pés en movemento. Primeiro foi unha persoa, logo outra, e pouco despois xa había unha boa fila de baile diante da Lacena. O zoco de Elena Ferro, entregado por Touriñán aos cociñeiros ao rematar, volveu cumprir coa súa función de pequeno trofeo dos Vermús.

A tarde foi mudando o ritmo. Nos Contos de Castelo, as protagonistas de Mulleres que Contan volveron poñer as súas historias no centro. Falouse dos coidados, das renuncias, das vidas que quedaron tantas veces detrás das necesidades dos demais e da importancia de construír redes nas que poidamos algunhas cando outras non poidan.

Non era unha frase máis. Era unha maneira de explicar boa parte do camiño que levara a aquelas mulleres ata alí. Durante máis dun ano compartiran lembranzas, experiencias e preguntas sobre as súas propias vidas. Falaban do que coidaran, do que deixaran atrás, do que non puideran escoller e tamén do que querían para as que veñen detrás. As súas voces foron acompañadas polas dos representantes dos grupos de desenvolvemento rural dos territorios nos que se desenvolveu o proxecto e pola asociación Parkinson Galicia.

Entre as palabras apareceu tamén a música. Sés, acompañada pola música Sabela, sorprendeu ás participantes con algunhas cancións e levou ata a Eira do Ferrador pezas que compuxera despois de coñecer as súas historias. Entre elas, unha pregunta recollida dunha das testemuñas: ‘Que teriamos sido se puidésemos ter decidido?’

A pregunta quedou no aire, pero a tarde aínda tiña un último camiño por percorrer.

Ao remate dos Contos de Castelo, as protagonistas saíron da Taberna en manifestación cara á Polideportiva. Coa pancarta que construíran meses atrás no encontro conxunto de Padrón e armadas con pandeiretas, megáfonos, culleres e utensilios de cociña, percorreron as rúas ao berro de ‘coidados públicos e de calidade‘.

A reivindicación era clara, pero tamén o era o que había detrás: chegar ata alí xuntas. Levar á rúa aquilo do que falaran durante meses. Poñer voz e corpo a un manifesto que fora construído entre todas, a partir das súas propias experiencias e da vontade de que os coidados deixasen de ser unha responsabilidade asumida en silencio.

Na Polideportiva xa agardaba o público para asistir á estrea de ‘Mulleres que Contan’. Antes da proxección, Hadriana Casla explicou o proxecto e as propias protagonistas leron o Manifesto dos Coidados. Despois apagáronse as luces.

E entón aconteceu algo difícil de explicar desde fóra. Máis de medio cento de mulleres viron as súas propias vidas na pantalla. Riron, choraron, recoñecéronse nas historias das outras e volveron compartir, esta vez coa mirada de todo o público, aquilo que tantas veces quedara agochado. Elas mesmas estaban sorprendidas pola acollida. Por verse alí, convertidas por unha noite nas protagonistas dunha película feita coas súas vidas.

Ao rematar, a Polideportiva respondeu cunha ovación longa. As Mulleres de Castelo, precursoras de todo isto, achegáronse para entregarlles uns ramos de flores. Houbo apertas, bágoas e emoción. E tamén a certeza de que aquilo que comezara había meses, cando aínda non entendían moi ben de que ía todo aquilo, acababa de traspasar moitas realidades. Porque, ao final, aquilo ía delas.

Durante máis dun ano contaran, escoitaran e compartiran. Onte, esas historias saíron da intimidade das conversas, convertéronse nunha reivindicación e chegaron á pantalla. E cando as luces volveron acenderse, xa non eran só as historias de cada unha: eran tamén as historias das outras, as que se recoñecían nelas e as que, por primeira vez, podían verse desde fóra.

Só despois chegou a música.

De Ninghures volveu ao Castelo Conta sete anos despois daquela primeira visita de 2019, cando a banda aínda estaba dando os seus primeiros pasos. Se daquela o concerto fora unha desas citas que se lembran con especial cariño, o reencontro tivo agora outro escenario e outra dimensión. A polideportiva transformouse nunha feira de escándalo: ritmos tradicionais, músicas doutras latitudes e unha festa que fixo bailar, cantar e saltar a todo o mundo.

Despois dun día atravesado polas historias, as emocións e a reivindicación das protagonistas de ‘Mulleres que Contan’, tamén había ganas de celebrar. De Ninghures puxo o corpo en movemento e a xente respondeu sen reparo: bailando, saltando, cantando e deixando que a música fixese o seu. A festa foi medrando ata converter a polideportiva nun último espazo de encontro, desta vez sen necesidade de falar demasiado.

E quizais por iso a frase que deu título a esta xornada acaba atopando aquí tamén outro sentido: ‘Que poidamos algunhas cando outras non poidan‘. Porque o xoves foi, sobre todo, iso: estar unhas para as outras. Compartir o que pesa, poñer en común o que durante tanto tempo se levou en silencio e, cando chega o momento, tamén celebrar xuntas.

O xoves do Castelo Conta en fotos

Canto coa miña gharghanta, non canto coa de ninghén
O Castelo Conta e Castelo Studio convocan a súa primeira Bolsa de Creación
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.