Poñemos en marcha unha residencia artística para crear un libro ilustrado a partir do diálogo entre escrita, ilustración e territorio. As persoas seleccionadas traballarán en Castelo, en contacto coa veciñanza, e o proxecto resultante será editado e presentado no Castelo Conta 2027.
O Castelo Conta e Castelo Studio convocan a súa primeira Bolsa de Creación
O Castelo Conta e Castelo Studio poñen en marcha a súa primeira Bolsa de Creación, unha convocatoria que propón desenvolver un proxecto de libro ilustrado desde Castelo e en diálogo coa comunidade que o habita.
A iniciativa seleccionará unha persoa escritora e unha persoa ilustradora ou artista visual para traballar conxuntamente nunha obra na que texto e imaxe formen parte dun mesmo proceso creativo. As persoas seleccionadas desfrutarán dunha residencia de creación de quince días en Castelo Studio, na primavera de 2027, co aloxamento e a manutención cubertos, 3.000 euros de honorarios para cada unha e unha dotación para os gastos de produción.
O lugar non será só o escenario da residencia, porque a veciñanza de Castelo terá un papel activo no proxecto, tanto na selección das persoas creadoras como no proceso de creación, a través de encontros nos que poderán compartir historias, lembranzas, experiencias e coñecementos sobre o territorio.
A proposta busca así que o libro medre a partir do diálogo entre as dúas disciplinas, pero tamén entre as persoas creadoras e o lugar que as acolle. A cultura rural, a oralidade, a tradición, o territorio e a comunidade son algúns dos eixos que poderán formar parte dos proxectos presentados.
O resultado deste proceso será un libro que o Castelo Conta editará e que se presentará publicamente no festival de 2027.
Un encontro entre escrita e imaxe
A convocatoria está aberta a dous perfís: escrita e ilustración, que poderán presentarse de maneira individual ou como parella creativa xa constituída. No primeiro caso, o Castelo Conta e Castelo Studio serán os encargados de poñer en relación as persoas seleccionadas, procurando unha afinidade entre as súas propostas.
A intención é que palabra e imaxe se atopen desde o inicio do proceso creativo, e non simplemente que unha acompañe á outra. O proxecto deberá estar concibido como unha obra conxunta, na que ambas disciplinas dialoguen e se enriquezan mutuamente.
A convocatoria está dirixida a persoas maiores de 18 anos vinculadas á escritura, a ilustración, ás artes visuais e a disciplinas afíns. Non é necesario contar cunha traxectoria profesional consolidada, pero si cunha proposta e coa capacidade para desenvolvela de maneira profesional.
Valorarase especialmente a personalidade artística, a forza do proxecto e a súa capacidade para establecer un diálogo coa veciñanza, o territorio e o espírito do Castelo Conta.
Castelo Studio, un espazo para crear desde o rural
A residencia desenvolverase en Castelo Studio, o espazo impulsado pola artista visual coruñesa Iria do Castelo, que desde 2015 acolle artistas de diferentes disciplinas chegados de distintos lugares do mundo.
O estudo nace coa vontade de abrir un espazo para a creación contemporánea desde o rural, combinando arte, deseño e experimentación con novas formas de habitar e relacionarse con estes territorios. A súa propia traxectoria artística, vinculada á escultura, a obra gráfica, o debuxo e a instalación, complétase cunha ampla experiencia en residencias e proxectos internacionais.

Do proceso ao libro
O proxecto resultante da residencia será editado polo Castelo Conta, respectando a autoría das persoas creadoras, e presentarase publicamente no marco do festival Castelo Conta de 2027.
A convocatoria estará aberta do 28 de agosto ao 31 de outubro de 2026. As candidaturas serán valoradas por un comité formado pola veciñanza de Castelo, que terá un papel activo na elección das persoas que desenvolvan o proxecto. A decisión final comunicarase antes de rematar o ano.
A residencia terá lugar na primavera de 2027 e o libro será presentado no Castelo Conta entre o 23 e o 29 de agosto dese mesmo ano.
Así, esta primeira Bolsa de Creación Castelo Conta x Castelo Studio propón un proceso no que creación, territorio e comunidade formen parte dunha mesma experiencia: un libro que nace en Castelo, medra a través do encontro e regresa ao festival para ser compartido.
O formulario de inscrición estará dispoñible proximamente en casteloconta.gal.
