Isto xa comeza! Hoxe damos por comezada ‘Outra Volta á Festa’, cunha nova edición do Castelo Conta. Agárdanos unha semana de moita xuntanza e enerxía para celebrar, un ano máis, o gusto de vivir no rural e de tecer comunidade arredor da nosa cultura e tradición.
Todo o que tes que saber sobre a décimo primeira edición do Castelo Conta
O Castelo Conta 2026 arrincou esta mañá, luns 24 de agosto, cunha programación diversa e pensada para públicos de todas as idades. En Castelo, xa está todo preparado para recibirvos, pero hai algúns detalles importantes que debes ter en conta. Deixámosvos unha lista rápida con todo o que cómpre saber:
1. Aplicación Móbil do Festival
Para estar ao día de todo e non perder detalle, o Castelo Conta actualizou a súa aplicación móbil, dispoñible para iOS e Android. A través dela, poderás consultar a programación organizada en días e horas, acceder a unha biblioteca de contidos e coñecer todos os lugares da parroquia no mapa. O máis importante, a app conta con notificacións en tempo real coas novidades do festival. Non te perdas nada!
2. Accesos e aparcadoiros no monte Xalo
Ao chegar a Castelo, tanto no camiño como xa na parroquia, atoparás sinalizado o camiño cara os aparcadoiros habilitados. Ademais, haberá persoas voluntarias que estarán indicando e organizando a chegada dos coches.
3. A programación fixa da semana
De luns a venres, a programación recupera tres clásicos que xa forman parte da identidade do festival:
- Polas mañás, actividades para cativas e cativos en Xente Miúda, de 10.00 a 14.00h
- Vermús na taberna, unha cita xa imprescindible que mestura música e gastronomía en Casa Rodríguez, de 14.00 a 16.00h
- Contos de Castelo, o bloque das tardes están reservados para a conversa, de 18.30 a 20.00h
- Polas noites, chegarán os Seráns do Castelo Conta, para encher a parroquia de ritmo cunha ampla programación de concertos e artes escénicas en diferentes escenarios.
4. Os horarios de Casa Rodríguez
A taberna do Castelo Conta abrirá todos os días de 10.00 a 22.00h, renovándose como un dos principais escenarios do festival, con propostas culturais e gastronómicas ao longo de toda a semana.
Este ano, o Castelo Conta dálle ‘Outra Volta á Festa’, cunhas xornadas de moita xuntanza, festa e tradición. A décimo primeira edición xa comezou e queremos vivila convosco. Revisa a programación, descarga a aplicación e vén con moitas ganas de pasalo ben!
