O Castelo Conta volve colaborar con Ecos do Sur para achegar ao festival o traballo dunha organización comprometida coa inclusión, a diversidade e a igualdade de oportunidades. A colaboración incluirá un espazo informativo durante o sábado e unha nova camisola solidaria cuxos beneficios serán destinados integramente á entidade.
Ecos do Sur e Castelo Conta, unha colaboración pola diversidade
Na súa décimo primeira edición, o Castelo Conta reafirma o seu compromiso social e comunitario a través da colaboración con Ecos do Sur, organización que desde 1991 promove a participación, a igualdade de oportunidades e a integración social e laboral das persoas en situación de vulnerabilidade, migrantes e refuxiadas.
A colaboración entre ambas entidades continúa nesta edición cunha proposta que busca achegar este traballo ao público do festival e, ao mesmo tempo, xerar unha nova vía de apoio á organización. O sábado 29 de agosto, entre as 12.00 e as 20.00, Ecos do Sur contará cun stand situado a carón de Casa Rodríguez, onde as persoas asistentes poderán coñecer máis de preto os seus proxectos e a súa actividade.
A colaboración tamén volverá ter forma de camisola. O Castelo Conta e Ecos do Sur presentarán unha nova edición da camisola solidaria, que estará dispoñible para a súa venda nos stands de merchandising durante as actividades do festival. Próximamente poderá adquirirse tamén a través da tenda en liña de casteloconta.gal. Os beneficios da súa venda serán destinados integramente a Ecos do Sur.
A proposta dá continuidade a unha colaboración que xa tivo presenza na pasada edición e que permite incorporar ao festival unha dimensión social vinculada á diversidade, á inclusión e á participación. Unha maneira de facer que a festa tamén sirva para dar visibilidade a realidades e proxectos que traballan durante todo o ano pola igualdade de oportunidades.
No Castelo Conta, a comunidade constrúese desde moitos lugares: a veciñanza, as asociacións, os equipos profesionais, as persoas voluntarias e tamén as entidades que deciden sumar o seu traballo ao proxecto. A colaboración con Ecos do Sur forma parte desa rede e dunha maneira de entender a cultura como un espazo aberto, no que todas as persoas teñan a oportunidade de participar.
