Clínica Pardiñas volve colaborar co Castelo Conta, dando continuidade a unha relación construída arredor das persoas e unha maneira próxima de entender o benestar e a comunidade.
Unha festa que se mide en sorrisos
Se algo sobra durante o Castelo Conta son os motivos para sorrir. Reencontrarse coa xente, rir a escachar cos monólogos, cando soa a túa canción preferida durante un serán, unha conversa na taberna ou simplemente probar un petisco que che fai ver as estrelas: o sorriso acaba formando parte da paisaxe destes días.
Precisamente nese punto, onde converxen o benestar, as persoas e todo o que nos fai sorrir, atópase o sentido da colaboración do Castelo Conta con Clínica Pardiñas. A clínica, con máis de 35 anos de traxectoria, desenvolveu desde A Coruña un proxecto especializado en saúde bucodental que combina experiencia, innovación e unha atención próxima ás persoas. O coidado e o acompañamento forman parte dunha maneira de entender a súa profesión que vai máis alá da propia consulta.
A relación entre ambos os proxectos parte dunha idea que encaixa con ambos: o sorriso como expresión de benestar.
A traxectoria de Pardiñas ten, ademais, unha dimensión social que vai máis alá da actividade clínica. En 2013 creou a Fundación Clínica Pardiñas, destinada a facilitar atención odontolóxica a persoas en situación de vulnerabilidade e achegar a saúde bucodental a quen ten máis dificultades para acceder a ela.
Esa vontade de de poñer as persoas no centro tamén forma parte da identidade do Castelo Conta. Un festival que medra coa implicación das persoas que o fan posible e que entende a cultura como un lugar no que atoparse, compartir e coidarse mutuamente.
Por iso, a colaboración continúa dun ano para outro con naturalidade. Clínica Pardiñas suma o seu apoio a unha festa na que as persoas son o centro e na que cada encontro deixa, dalgún xeito, unha pequena razón para sorrir.
