Deleite volve acompañar o Castelo Conta, presente na Taberna, nas barras do festival e tamén nos almorzos de Xente Miúda. Unha colaboración que achega a Castelo un produto ligado ao territorio e ao futuro do rural galego.
Deleite: O sabor dun rural que segue vivo
O leite é un deses produtos que forman parte da nosa memoria antes incluso de poñerlle nome. Acompáñanos desde a infancia, nun vaso con galletas para comezar o día, nunha cunca de cacao e, máis adiante, nun café que nos axuda a erguernos con máis ansia ou que chega na sobremesa.
É tamén un produto profundamente ligado á nosa terra e a unha maneira de entender e vivir o rural. Por iso, cando Deleite chega ao Castelo Conta, faino cun produto que leva consigo moito máis ca un sabor: leva o traballo de quen o produce, a identidade dun territorio e a vontade de que o rural galego siga tendo futuro.
Nesta décimo primeira edición, Deleite volverá estar presente na Taberna do Castelo Conta e nas barras do festival, dando continuidade a unha colaboración que acompaña o proxecto desde os seus inicios. A súa presenza comezou xa coa apertura de Casa Rodríguez e seguirá durante toda a semana, formando parte dos encontros e momentos que se viven neste espazo.
Detrás de Deleite está Leite Noso, unha sociedade creada por gandeiras e gandeiros galegos coa vontade de comercializar directamente o seu leite, procurando mellores condicións para as explotacións e unha relación máis estable entre quen produce e quen consume. Un proxecto que naceu cunha idea moi concreta: que o valor do leite galego tamén quede no territorio no que se produce.
Esa forma de entender o produto conecta directamente coa filosofía do Castelo Conta, precisamente porque o festival tamén nace e medra desde aquí: desde unha parroquia, desde a veciñanza e desde unha rede de persoas e proxectos que traballan para manter vivo o rural e todo o que acontece nel. A cultura, a gastronomía, a música ou a tradición non existen á marxe do territorio, senón que forman parte da súa maneira de vivir e de relacionarse.
Deleite desenvolveu ao longo destes anos un proxecto que combina esa orixe galega coa innovación e coa procura de novas formas de responder ás necesidades do mercado. A marca foi pioneira en España na comercialización de leite A2 UHT e mantén unha aposta pola mellora do produto sen perder de vista a súa relación coas explotacións gandeiras e co medio rural.
No Castelo Conta, esa historia tamén chega ás novas xeracións. Durante as mañás de Xente Miúda, as crianzas participantes compartirán os almorzos con pequenos cartóns individuais de Deleite. Será tamén unha oportunidade para achegarlles unha maneira diferente de entender un produto tan cotián, con propostas como o seu leite A2A2, desenvolvido desde a aposta pola calidade, a innovación e o coidado de algo tan esencial como o que poñemos cada día na mesa.
Deleite e Castelo Conta volven atoparse así arredor dunha mesma idea: facer comunidade desde Galicia e poñer en valor aquilo que nace e medra aquí. Unha colaboración que leva ata Castelo o sabor dun produto ligado ao noso territorio e que, ao mesmo tempo, mira cara ao futuro dun rural que queremos seguir habitando, coidando e celebrando.
