A Praza do Concello de Triacastela acolleu a penúltima preestrea do documental, nunha xornada na que as protagonistas estiveron acompañadas polas súas familias, amigos e veciñanza, con quen puideron compartir as lembranzas, reflexións e aprendizaxes construídas durante o proceso.
Triacastela celebra as súas mulleres na penúltima preestrea de ‘Mulleres que Contan’
O pasado domingo 16 de agosto, na véspera das festas de Triacastela, a Praza do Concello acolleu a penúltima preestrea de ‘Mulleres que Contan’. O encontro reuniu ás once protagonistas do proceso (Celsa, Pura, Carmen, Asunción, Agnesa, Elida, Herminia, Mariluz, Teresa, Victoria e Maribel) coas súas familias, amizades e veciñanza, nunha xornada na que as súas historias ocuparon o centro da atención.
Triacastela é un dos territorios máis afastados do percorrido e tamén o que reúne o grupo de participantes con maior media de idade. Quizais por iso, a chegada das protagonistas tivo algo especial. Ao son dos Airiños do Petouto, foron entrando na praza polo corredor que as conducía ata o photocall. Algunhas chegaron falangueiras e outras, algo máis vergoñentas ante a sorpresa do recibimento. Entre o público atopábanse os seus familiares, que non quixeron perder a oportunidade de acompañalas, pero tamén algún peregrino que parou no camiño para observar o que alí estaba a pasar.
Despois da presentación de Hadriana Casla, directora do proxecto, chegou a proxección da peza adicada ás mulleres de Triacastela. Na pantalla apareceron as súas rutinas, lembranzas e experiencias, pero tamén as reflexións que foron compartindo ao longo do proceso arredor dos coidados, das persoas maiores, da dificultade de sentirse escoitadas e da necesidade de reservar tamén tempo para unha mesma.

‘Hai que darse conta de que a vida hai que vivila tamén un pouco’, di unha das protagonistas. Unha reflexión que resume unha das ideas que atravesan o proceso en Triacastela: despois dunha vida marcada polas responsabilidades e polo coidado dos demais, tamén hai espazo para preguntarse que queren elas, como queren vivir e que lles gustaría facer a partir de agora.
A memoria ocupa un lugar importante na peza. Asunción recupera as cancións da súa nai, mentres outras lembranzas van aparecendo a través das conversas e das historias que contan nas gravacións. Son recordos persoais que, ao poñerse en común, acaban formando parte dunha memoria conxunta. Nas historias das demais recoñecen as súas propias: experiencias vitais atravesadas pola época que lles tocou vivir, pola súa xeración e polos roles de xénero que marcaron as súas vidas. Vivencias que, contadas entre elas, deixan de ser individuais para formar parte dunha historia compartida.
Ao rematar a proxección, as mulleres de Triacastela subiron ao escenario para compartir co público como viviron estes meses. Hadriana acompañounas nun coloquio no que tamén participaron as ‘Mulleres de Castelo’, precursoras desta iniciativa, que se achegaron ata a localidade para compartir con elas este momento.
As preguntas e intervencións permitiron recuperar algunhas das reflexións que aparecen na peza e falar tamén do propio proceso. Como di Maribel no documental, isto vai de ‘falar dos coidados, dos maiores, de nós mesmas… de todo un pouco’.
A presenza das familias engadiu outra perspectiva ao encontro. Houbo quen se emocionou ao ver como estas matriarcas das súas casas compartían unha parte das súas vidas que non sempre tivo espazo para ser contada. Elas, collidas das mans, tamén se emocionaban ao verse na pantalla e comprobar como quedara aquela película na que, como dicían, había que ‘saír ben’.

Ao rematar o coloquio, a música dos Airiños do Petouto volveu encher a praza. Elas non tardaron en apropiarse da festa: animáronse a bailar e, pouco a pouco, o que comezara como unha recepción converteuse nun encontro entre xeracións no que as protagonistas ocupaban un lugar pouco habitual: o centro da escena. Despois chegaron os petiscos e as conversas, poñendo o punto final a unha tarde de encontro.
A preestrea de Triacastela foi así a penúltima parada do percorrido de ‘Mulleres que Contan’. Tras pasar por Baroña, Vilaño, A Illa de Arousa, Taboada e agora Triacastela, o proxecto chegou tamén a Manzaneda, antes de reunir todas estas voces no documental completo, que se estreará o vindeiro 27 de agosto no Festival Castelo Conta.
