Castelo Conta e Párkinson Galicia-Coruña unen forzas arredor dos coidados e da comunidade

A Asociación Párkinson Galicia-Coruña estará presente nos Contos de Castelo do xoves 27 de agosto, nunha xornada adicada aos coidados e ao proxecto ‘Mulleres que Contan’.

Os Contos de Castelo do xoves 27 de agosto serán unha oportunidade para compartir historias e experiencias arredor dunha cuestión que forma parte da vida de moitas comunidades: os coidados. A xornada contará coa participación de Hadriana Casla e das mulleres que formaron parte de Mulleres que Contan nos seis territorios polos que pasou o proxecto, así como coa presenza da creadora cubana Mercy Díaz.

O proxecto Mulleres que Contan recupera historias e experiencias de mulleres de diferentes lugares e, a través do documental, achegará tamén ao festival relatos relacionados cos coidados. Algunhas das mulleres participantes conviven co párkinson, unha realidade que fai especialmente significativa a presenza da Asociación Párkinson Galicia-Coruña nesta xornada.

A colaboración entre o Castelo Conta e a entidade xorde así dun xeito natural, a partir dunha conversa na que as experiencias das persoas que precisan coidados e de quen as acompaña teñen tamén o seu espazo. A asociación estará presente nos Contos de Castelo para achegar a súa experiencia no acompañamento das persoas con párkinson, das súas familias e das persoas coidadoras.

A Asociación Párkinson Galicia-Coruña naceu en 1996 da man dun grupo de persoas con párkinson e familiares e, desde entón, traballa para mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas e do seu entorno. A súa actividade baséase nunha atención integral e centrada na persoa, así como na sensibilización, a formación e o apoio social.

A presenza da asociación permitirá incorporar á xornada a voz e a experiencia de quen traballa diariamente con persoas con párkinson e cos seus entornos, achegando información sobre os retos que implica coidar e ser coidado.

Triacastela celebra as súas mulleres na penúltima preestrea de ‘Mulleres que Contan’
Manzaneda pecha o percorrido de ‘Mulleres que Contan’ antes da estrea no Castelo Conta
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.