A beleza, que aconteza

Unha mañá entre xogos e sombras, unha tarde para recuperar mitos e lendas e unha noite de música, encontros e cancións compartidas. Así foi o venres no Castelo Conta.

O venres comezou ás escuras. Ou, máis ben, aprendendo todo o que pode acontecer cando se apaga a luz. Na última mañá de Xente Miúda, a cativada mergullouse nun obradoiro de cinema de sombras da man de Iria Fafián. Crearon figuras con cartulinas, experimentaron coas mans e descubriron como unha luz e un pouco de imaxinación poden converterse en animais, personaxes e historias. A Capela de San Ramón transformouse por unhas horas no seu propio plató, para seguir xogando coa luz e as sombras.

Ao mediodía, a festa trasladouse á Taberna. Na praza, os catro integrantes de Ulex puxeron en marcha o seu particular universo musical. O que comezou como unha aventura entre compañeiros de instituto converteuse nun concerto de cancións, bailes e máis dun ‘ché!’, co que a banda compostelá deixou claro que a música tamén pode ser unha maneira ben seria de pasalo ben.

Mentres tanto, na Taberna, o Vermú volvía poñer a gastronomía no centro. Kike Piñeiro, de A Horta do Obradoiro, regresaba por terceiro ano consecutivo ao Castelo Conta cun guiso de fideos con mexillóns e lira, un peixe chegado desde a lonxa de Ribeira. Ao seu lado, Lucía Freitas, de A Tafona, debutaba no festival cunha tapa de ensaladiña con encurtidos e escabeche de raia. Dúas propostas diferentes para un mediodía no que, esta vez, o mar foi o fío condutor.

Pola tarde, os Contos de Castelo viaxaron por primeira vez ata Cabrois. Alí, guiados por Tone Martínez, veciñanza e visitantes sentaron a falar de mitos, lendas e crenzas ligadas a Castelo, á Fraga e á súa contorna. As herbas sanadoras, as meigas, os rituais, as festividades ou a chamada ‘sombra’ nos nenos foron aparecendo nunha conversa que por momentos parecía unha sobremesa entre veciños.

Pero os contos daquela tarde tamén abriron unha historia nova. Álvaro Pérez Becerra, Iria do Castelo e Touriñán presentaron a primeira Bolsa de Creación Castelo Conta x Castelo Studio, unha iniciativa que reunirá unha persoa escritora e unha persoa ilustradora para crear un libro relacionado con Castelo e coa súa cultura. A particularidade está en que será a propia veciñanza quen participe na elección do proxecto que verá nacer aquí. Unha maneira de traer creadoras e creadores de fóra sen deixar de facelo desde o lugar e, sobre todo, coa comunidade. 

A tarde rematou coa música de Arnela, de Carral, que levou á xuntanza os sons da música tradicional.

E cando chegou a noite, a polideportiva volveu encherse para recibir a Antía Muíño. A súa voz hipnotizadora percorreu Anfibia por veces, un disco ecléctico no que conviven a música de raíz, o jazz e o pop. O público quedou en silencio, escoitando, e deixou que as cancións fixesen o seu traballo.

Despois chegou Xoel López. Tres anos despois da súa última visita ao Castelo Conta, regresou cunha banda que fixo tremer a polideportiva desde os primeiros acordes. O repertorio combinou cancións do seu último disco, Oniria Popular, con temas que forman parte dunha traxectoria de máis de dúas décadas. Houbo cancións novas, outras xa coñecidas por todos e unha sorpresa: Antía Muíño subiu ao escenario para compartir voz con Xoel nun dos momentos especiais da noite.

Un venres que pasou da luz ás sombras, das historias da contorna á creación de novas historias, da música tradicional ás cancións que atravesan xeracións. Un día para lembrar que a beleza tamén está nese xesto tan sinxelo de xuntarse e deixar que aconteza.

O Castelo Conta e Castelo Studio convocan a súa primeira Bolsa de Creación
‘Anda meu amore, imos a bailare’
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.