Manzaneda acolleu a última das seis preestreas do proxecto, nun encontro no que as protagonistas volveron atoparse coas súas historias e compartiron co público as reflexións construídas ao longo destes meses.
Manzaneda pecha o percorrido de ‘Mulleres que Contan’ antes da estrea no Castelo Conta
O pasado luns 17 de agosto, Manzaneda acolleu a última parada da ruta de preestreas de ‘Mulleres que Contan’. Despois de pasar por Baroña, Vilaño, A Illa de Arousa, Taboada e Triacastela, o proxecto pechaba así o percorrido polos seis territorios antes de reunir todas estas voces no Festival Castelo Conta.
A calor fixo necesario atrasar o comezo da xornada case unha hora, pero finalmente a praza converteuse no punto de encontro para as protagonistas, as súas familias, a veciñanza e as compañeiras chegadas doutros lugares. Tamén estiveron presentes as ‘Mulleres de Castelo’, pioneiras da iniciativa, que quixeron acompañalas neste último encontro antes da estrea final.
O espazo tiña, ademais, un significado especial para as participantes. Foi alí onde se desenvolveron durante meses os obradoiros nos que foron compartindo experiencias, lembranzas e reflexións arredor dos coidados. Por iso, volver alí para descubrir a peza construída a partir de todo ese proceso supuxo tamén unha forma de regresar ao lugar no que comezou a tomar forma esta historia.
Na pantalla apareceron as súas voces, as súas vidas e tamén a memoria dun territorio no que moitas delas acabaron construíndo o seu futuro despois de chegar desde outros lugares. Diferentes procedencias forman parte das súas biografías, nunha comunidade que tamén se foi construíndo a partir destas historias de chegada e adaptación.
As lembranzas das súas nais e das xeracións anteriores ocupan un lugar importante na peza. Aparecen historias de emigración e de mulleres que tiveron que marchar lonxe, algunhas ata Arxentina, para buscar unha vida diferente. Ao mesmo tempo, moitas das protagonistas recuperan a súa relación co campo e cos traballos da terra, actividades que marcaron boa parte das súas vidas.
E son tamén elas as que miran cara ao presente e ao cambio que supuxo contar con novos espazos de encontro. As actividades da asociación Mulleres Algueiradas, que traballa para ofrecer actividades e recursos de apoio (entre eles acompañamento psicolóxico e asesoramento legal relacionado cos coidados), os obradoiros ou o centro de día aparecen como ferramentas que lles permiten seguir activas, relacionarse e, sobre todo, reservar un tempo para elas mesmas.
E son tamén elas as que miran cara ao presente e ao cambio que supuxo contar con novos espazos de encontro. As actividades da asociación Mulleres Algueiradas, que traballa para ofrecer actividades e recursos de apoio, entre eles acompañamento psicolóxico e asesoramento legal relacionado cos coidados, os obradoiros ou o centro de día aparecen como ferramentas que lles permiten seguir activas, relacionarse e, sobre todo, reservar un tempo para elas mesmas.
Algunhas recoñecen na mesma peza que nunca antes se sentiran tan elas mesmas. Despois de anos marcados polas preocupacións e as responsabilidades, agora senten que tamén lles toca vivir para si. Unha reflexión que se completa con outra das frases que deixa o documental: ‘É que non somos Deus, non temos que poder con todo nós soas’. Unha maneira de cuestionar o peso que durante anos asumiron e de continuar reivindicando a importancia dun sistema de coidados universal, público e de calidade.
Despois da proxección, as protagonistas tomaron a palabra nun coloquio moi participativo no que compartiron como viviron estes meses e que significou verse por primeira vez na pantalla. Houbo emoción, sorpresa e tamén moitas ganas de falar. As ‘Mulleres de Castelo’ participaron tamén na conversa, volvendo conectar esta experiencia coa orixe do proxecto.
A preestrea de Manzaneda pecha así a ruta de ‘Mulleres que Contan’. Agora, as historias de Baroña, Vilaño, A Illa de Arousa, Taboada, Triacastela e Manzaneda están listas para converxer nun único relato. Será o vindeiro 27 de agosto, no Festival Castelo Conta, cando todas estas voces se reúnan na estrea do documental completo.
