A veciñanza e visitantes reuníronse en Folgueira para vivir a eclipse total de sol desde un punto de observación habilitado especialmente para a ocasión.
Castelo vive a eclipse desde a natureza
Castelo viviu unha tarde diferente coa celebración dun visionado da eclipse total de sol, unha actividade organizada polo Castelo Conta que reuniu a veciñanza e visitantes arredor dun fenómeno astronómico excepcional.
A proposta formaba parte da programación previa ao festival e das actividades adicionais da Taberna do Castelo Conta, que durante estas semanas están a ir quentando motores para a nova edición. A iniciativa contou coa colaboración de Máis Enerxía Galega, cuxo apoio fixo posible a celebración desta actividade.
Desde primeira hora da tarde, a contorna de Casa Rodríguez, a taberna de Castelo, comezou a encherse de actividade. As persoas que se achegaron ata a parroquia foron chegando para recoller as súas pulseiras #TodoCasteloConta e as gafas homologadas necesarias para realizar o visionado con seguridade. Mentres, na praza xa estaban preparadas as mesas, as barras e o escenario que acollerá parte da programación do festival.
Unha eclipse entre nubes
Arredor das 19.40 h, as persoas asistentes comezaron a desprazarse ata o punto de observación habilitado nunha zona da parroquia situada a poucos metros de Folgueira. O espazo, preparado durante as últimas semanas coa colaboración da veciñanza, ofrecía unha visión aberta cara ao noroeste e fora acondicionado especificamente para acoller o visionado.
A medida que se achegaba o momento da eclipse, a expectación foi medrando. O ceo da Coruña permanecía moi encapotado e as nubes facían difícil saber se finalmente sería posible observar o fenómeno desde Castelo.
A eclipse alcanzou o seu momento de máxima intensidade arredor das 20.20 h, durante aproximadamente un minuto e medio. As condicións meteorolóxicas impediron desfrutar dunha visión clara do fenómeno, que só puido vislumbrarse en momentos puntuais.
Porén, o momento da totalidade, cando a Lúa cubriu por completo o Sol, trouxo consigo un cambio repentino na luz. Castelo quedou ás escuras en pleno serán, provocando a sorpresa das persoas reunidas no punto de observación e convertendo aquel instante nunha experiencia singular.
A festa continuou na Taberna
Despois do visionado, o público regresou á contorna de Casa Rodríguez para continuar a xornada. O churrasco serviu para repoñer forzas antes de que BÖJ puxese música ao serán.
A festa continuou nun ambiente tranquilo, entre música, conversa e encontro, e mesmo con momentos de baile na praza. Así, o que comezara como unha tarde dedicada á observación dun fenómeno astronómico acabou converténdose tamén nunha oportunidade para compartir e desfrutar dos espazos que volverán ser protagonistas durante o Castelo Conta.
A eclipse foi tamén un dos primeiros grandes encontros deste mes de agosto en Castelo e unha maneira diferente de comezar a respirar o ambiente da nova edición do festival.
A actividade foi posible grazas á colaboración de Máis Enerxía Galega.
