As protagonistas do proceso desenvolvido en Baroña foron as primeiras en descubrir a peza documental dedicada ao seu territorio nunha xornada que converteu ás mulleres no centro de todas as miradas.
Baroña abre o percorrido de ‘Mulleres que Contan’ antes da estrea do documental no Castelo Conta
O pasado luns 20 de xullo, o Adro da Igrexa de San Pedro, en Baroña, acolleu a primeira das preestreas de Mulleres que Contan. Antes da estrea oficial do documental, prevista para o vindeiro 27 de agosto no Festival Castelo Conta, as mulleres participantes en cada un dos territorios implicados no proxecto, irán descubrindo unha peza audiovisual creada especificamente a partir do proceso vivido nas súas comunidades.
Baroña foi o primeiro destes encontros. Unha oportunidade para devolver ás protagonistas unha parte do camiño construído ao longo de máis dun ano de conversas, reflexións e gravacións arredor dos coidados, a memoria e a vida no rural.
Nesta ocasión, foron elas quen ocuparon o lugar que poucas veces lles corresponde. Á súa chegada, percorreron unha alfombra vermella antes de deterse diante dun photocall preparado especialmente para recibir ás auténticas protagonistas da xornada. Un xesto sinxelo, pero igualmente importante, cuxo obxectivo era poñer no centro a mulleres que durante décadas dedicaron boa parte da súa vida a coidar doutras persoas, case sempre lonxe dos focos.
Antes da proxección, tomaron tamén a palabra diante da veciñanza, das súas familias e das amizades que quixeron acompañalas. Explicaron que significara para elas formar parte de Mulleres que Contan, compartiron algunhas das reflexións que xurdiron durante o proceso e falaron das reivindicacións que consideran imprescindibles nese xa soado manifesto para que as xeracións futuras poidan vivir os coidados dun xeito máis xusto e compartido.
Só despois chegou o momento: por primeira vez, as participantes puideron verse reflectidas na pantalla e descubrir unha pequena parte do resultado dun proceso colectivo que culminará coa estrea do documental completo no Castelo Conta, pero que antes quixo regresar aos lugares onde naceu.
A xornada contou tamén coa participación de Hadriana Casla, directora do proxecto, que repasou os obxectivos cos que naceu Mulleres que Contan e a evolución do traballo desenvolvido en Baroña durante os últimos meses. O grupo Airiños do Petouto foi o encargado de amenizar o serán, poñendo música a un encontro no que celebración e memoria camiñaron da man.
A preestrea de Baroña inaugura agora un percorrido que continuará nas próximas semanas por Vilaño, Triacastela, Manzaneda, A Illa de Arousa e Taboada. Se a estrea do documental no Castelo Conta servirá para compartir o resultado co público, estas primeiras proxeccións teñen outro propósito: devolver ás comunidades unha historia construída entre todas e facer que sexan elas as primeiras en recoñecerse na pantalla.
