Nesta edición do Castelo Conta, a parroquia acollerá máis de sesenta actividades repartidas ao longo da última semana de agosto. A maior parte da programación será de acceso libre, aínda que algunhas actividades requiren entrada, inscrición previa ou a pulseira ‘Todo Castelo Conta’. Aquí explicámosche todo o que necesitas saber.
Todo o que tes que saber sobre as entradas do Castelo Conta 2026
O Castelo Conta celebrará este ano a súa décimo primeira edición baixo o lema ‘Outra volta á festa’, cunha programación que volverá converter as aldeas da parroquia de Castelo nun espazo para vivir a cultura galega desde múltiples perspectivas. Ao longo de sete días pasarán polo festival máis de sesenta artistas, formacións e profesionais da gastronomía, nunha programación aberta á participación da veciñanza e pensada para todos os públicos.
Como é habitual, a maior parte das actividades serán gratuítas, pero algunhas propostas requiren entrada ou inscrición previa.
QUE É A PULSEIRA ‘TODO CASTELO CONTA’?
Coa intención de seguir facendo un festival comprometido e sostible, nesta edición sae á venda a pulseira ‘Todo Castelo Conta’. É a forma de contribuír ao desenvolvemento dun festival que medra grazas á implicación da comunidade e ao traballo da Asociación Cultural Castelo Conta durante todo o ano. Ten un prezo de 10 € e, ademais de apoiar o proxecto, inclúe diferentes vantaxes para desfrutar da programación:
- Acceso á zona de visionado do eclipse do 12 de agosto.
- Gafas para a observación do fenómeno.
- Unha consumición durante a xornada do eclipse.
- Prezo reducido na cea organizada esa mesma noite.
- Desconto de 0,50 € en cada consumición nas barras de bebida e na Taberna de Castelo durante toda a semana do festival.
O 12 de agosto, antes do inicio da programación principal, Castelo acollerá unha gran festa de visionado do eclipse coa colaboración de Máis Enerxía. A pulseira será necesaria para acceder ao espazo reservado para seguir o fenómeno, nunha xornada que contará tamén con cea preparada pola veciñanza e música en directo.
ACTIVIDADES CON ENTRADA
Hai catro propostas que requiren compra de entrada individual:
- Concerto de Xoel López e Antía Muíño: o venres 28 de agosto, cun prezo de 20 € ata o 31 de xullo. A partir do 1 de agosto, o prezo será de 25 €
- A Noite do Castelo Conta: o sábado 29 de agosto, cun prezo de 22 € ata o 31 de xullo. A partir do 1 de agosto, o prezo será de 25 €
- Churrascada popular: o sábado 29 de agosto, previa á gala dos monólogos, cun prezo de 15 €
- Polbada popular: o domingo 30 de agosto, na Romaría de San Ramón, cun prezo de 18 €
XENTE MIÚDA
As actividades matinais de Xente Miúda requiren inscrición previa e contan con 80 prazas dispoñibles. As crianzas poderán participar durante toda a semana en propostas de arte, natureza, música, teatro e baile tradicional. A inscrición ten un prezo de 80 € e inclúe o acceso a toda a programación das mañás desde o luns 24 ata o venres 28.
ONDE MERCAR AS ENTRADAS?
Pódese acceder á compra das entradas a través da nosa web (casteloconta.gal), están á venda en Ataquilla.com. Para calquera dúbida sobre entradas ou acceso, podes contactar co equipo de Castelo Conta a través de:
- WhatsApp ou teléfono: 689 882 972
- Correo electrónico: ola@casteloconta.gal
