A luz que fai a festa

Máis Enerxía volve colaborar co Castelo Conta para iluminar os espazos do festival e contribuír a crear a atmosfera que cada ano transforma as prazas, eiras e rúas de Castelo cando chega a noite.

A luz tamén forma parte da festa. Cando cae o sol, a iluminación comeza a transformar os espazos do Castelo Conta: a praza énchese de ambiente, as eiras convértense en escenarios e a polideportiva acolle parte das grandes citas da programación. É un elemento que acompaña a música, os encontros e as celebracións e que contribúe a facer recoñecibles os espazos do festival.

Nesta décimo primeira edición, Máis Enerxía volverá poñer luz a estes lugares, dando continuidade a unha colaboración que xa acompaña o Castelo Conta desde hai varias edicións. A compañía comparte co festival a súa aposta pola proximidade, a conexión co territorio e o apoio a iniciativas que contribúen a dinamizar Galicia.

A colaboración comezou este ano antes da propia semana do festival. O pasado 12 de agosto, Máis Enerxía acompañou o Castelo Conta no visionado da eclipse total de sol, unha xornada que reuniu a veciñanza e visitantes en Folgueira arredor do fenómeno. Aínda que as nubes dificultaron a observación, o momento da totalidade deixou Castelo ás escuras en pleno serán e converteu a luz (ou a súa ausencia) nunha parte máis da experiencia.

Pero a relación coa luz tamén forma parte da memoria da parroquia. A súa chegada a Castelo hai case 75 anos supuxo unha transformación na vida cotiá das aldeas, modificando os horarios, os costumes e a maneira de relacionarse cos espazos. Hoxe, a luz segue acompañando esa evolución, pero desde unha mirada que tamén pon o foco na responsabilidade coa natureza, no coidado dos lugares que habitamos e na importancia de preservar o territorio que fai posible a vida e a festa en Castelo e en tantos outros lugares.

Así, a colaboración con Máis Enerxía vai máis alá de iluminar os espazos do festival. É tamén unha maneira de conectar a festa que vivimos hoxe coa historia do lugar no que se celebra, facendo da luz un elemento que acompaña a comunidade, a memoria e o futuro de Castelo.

O viño do Castelo Conta tamén fala do territorio
Estrella Galicia volve brindar no Castelo Conta
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.