Méndez-Rojo volve colaborar co Castelo Conta na súa undécima edición, nunha relación que une dous proxectos vencellados ao territorio, á cultura galega e á vontade de compartir e celebrar en comunidade.
O viño do Castelo Conta tamén fala do territorio
A Taberna do Castelo Conta, Casa Rodríguez, concentra boa parte da actividade do festival. Durante estes días, este espazo convértese nun lugar para comer, escoitar música, conversar, coñecer xente e, por suposto, compartir unha cunca de viño. Se hai unha imaxe que forma parte da vida das tabernas, é esa: un viño na mesa mentres a conversa se prolonga.
Nesta décimo primeira edición, os viños de Méndez-Rojo volverán formar parte da experiencia do festival, dando continuidade a unha colaboración que xa acompaña o Castelo Conta desde hai varias edicións.
A historia desta adega familiar comeza en 1940 e está moi ligada á viticultura galega. Ao longo destas décadas, Méndez-Rojo foi ampliando o seu proxecto ata contar hoxe con presenza nas cinco denominacións de orixe de Galicia: Ribeira Sacra, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeiro e Monterrei.
A través das súas adegas e viñedos, a familia foi construíndo un proxecto que permite achegarse á diversidade vitivinícola de Galicia a través de diferentes paisaxes, variedades e maneiras de elaborar o viño. Cinco territorios diferentes que se expresan en cada botella e que forman parte dunha maneira de entender o traballo baseada no respecto pola terra, o coidado do produto e a vontade de manter viva a identidade dos lugares nos que nace cada viño.
Esa relación co territorio é tamén un dos puntos de encontro co Castelo Conta. Un festival que reivindica a cultura galega desde diferentes linguaxes, que pon en valor o patrimonio e as formas de vida do rural e que procura que cada edición teña tamén algo (ou moito) do lugar no que se celebra. A presenza de Méndez-Rojo na Taberna permite incorporar a esta experiencia unha parte da diversidade vitivinícola de Galicia e dos territorios que a adega reúne nos seus viños, e facer que estes acompañen as comidas, encontros e celebracións que se suceden ao longo da semana.
A colaboración tivo tamén unha primeira parada antes de que comezase oficialmente o festival. O pasado xoves, a programación previa á semana do Castelo Conta incluíu unha cata de viños de Méndez-Rojo. A actividade permitiu achegar as persoas asistentes ao mundo do viño desde unha perspectiva máis próxima, coñecendo diferentes referencias da adega e descubrindo parte da diversidade que existe detrás das cinco denominacións de orixe nas que traballa.
Nesta edición, Méndez-Rojo volverá estar presente na Taberna do Castelo Conta para que veciñanza e visitantes poidan degustar os seus viños e achegarse, a través deles, a diferentes recunchos de Galicia. Unha colaboración que continúa a partir dun vínculo co territorio, coa cultura e con esa maneira tan nosa de entender a mesa como un lugar de encontro.
É que unha cunca de viño pode ser simplemente iso. Ou pode ser tamén un brinde, unha escusa para quedar un pouco máis ou parte desa conversa que fai que unha taberna sexa unha taberna. E no Castelo Conta, este ano volveremos compartila con Méndez-Rojo.
