A aplicación móbil do Castelo Conta reúne nun mesmo lugar a programación, as entradas, as últimas novidades, os contidos, o mapa do festival, e a tenda. Xa está dispoñible de balde para iOS e Android.
A App do Castelo Conta, leva o festival no peto
O Castelo Conta ofrece un ano máis a súa aplicación oficial, dispoñible de forma gratuíta para Android e iOS. A app actualízase cada edición para incorporar os contidos e funcionalidades do festival, polo que xa se pode descargar ou actualizar a aplicación para acceder á versión de 2026 e non perder nada!
A aplicación está organizada en diferentes apartados desde os que consultar de maneira sinxela todo o que acontece en Castelo:
- Inicio: aquí aparecen as novidades máis recentes do festival, a través dun banner que se irá actualizando ao longo destes días. Debaixo tamén poderás consultar as entradas que continúan dispoñibles para esta edición, como as do concerto de Xoel López e Antía Muíño, a cea da festa e a polbada do xantar de San Ramón.
- Axenda: toda a programación do Castelo Conta organizada por días. Desde aquí poderás consultar as actividades previstas en cada momento e entrar na ficha de cada proposta para coñecer todos os detalles: horarios, localización, descrición e información de interese.
- Caderno: o espazo onde se reúnen todos os artigos e noticias que publicamos no Castelo Conta. Reportaxes, historias, novas e outros contidos do festival estarán dispoñibles neste apartado.
- Multimedia: unha selección de vídeos doutras edicións e de diferentes actividades e eventos vinculados ao Castelo Conta. Un lugar para recuperar momentos do festival e descubrir tamén parte do que sucedeu en Castelo nos últimos anos.
- Mapa: o mapa interactivo permite localizar os diferentes espazos nos que se desenvolverá o festival. Ademais, cada localización incorpora a opción ‘Como chegar’, que abre o navegador do dispositivo para indicar o percorrido ata o punto seleccionado.
- Tenda: desde este apartado tamén se pode acceder ao merchandising do Castelo Conta doutras edicións: bolsas de tea, camisolas, suadoiros, cuncas, xogos de mesa e outros produtos. Proximamente engadirase tamén o merchandising da décimo primeira edición.
A aplicación conta tamén cun sistema de notificacións para recibir directamente no móbil as novidades e avisos do festival. Cambios ou actualizacións da programación, recordatorios das actividades e información de última hora poderán chegar así directamente ao dispositivo, para estar ao tanto do que acontece en Castelo durante toda a semana.
A app irá incorporando durante estes días as diferentes actualizacións e novidades do festival, polo que mantela actualizada será a mellor maneira de ter sempre á man a información máis recente. O Castelo Conta 2026 celebrarase do 24 ao 30 de agosto, levando música, humor, gastronomía, tradición oral, natureza e propostas para diferentes públicos aos distintos espazos da parroquia.
Descarga ou actualiza xa a app do Castelo Conta 2026 e leva o festival contigo.
