Cafés Lúa: unha historia de familia, café e territorio

Cafés Lúa é un proxecto familiar da Costa da Morte con máis de 35 anos de traxectoria na elaboración de café artesán, que aposta pola proximidade, a calidade e a sustentabilidade.

Hai produtos que forman parte da vida cotiá sen que apenas reparemos neles. O café é o exemplo perfecto. Está nas primeiras conversas da mañá, nas sobremesas, nas reunións improvisadas e neses momentos nos que simplemente queremos compartir tempo con alguén. A maneira que ten Cafés Lúa de entender o café, ten moito que ver coa maneira facer no Castelo Conta.

A colaboración co negocio carballés continúa este ano, despois de varias edicións compartindo a vida do festival. O seu café está presente na Taberna do Castelo Conta, Casa Rodríguez, acompañando os almorzos e boa parte da actividade que se concentra neste espazo ao longo do mes de agosto. Unha presenza que vai máis alá do produto e que encaixa coa propia filosofía do encontro: xuntar á xente arredor da cultura, da festa e da gastronomía no rural.

Esta semana, ademais, tivemos a oportunidade de coñecer un pouco mellor o proxecto a través dunha cata de cafés, na que Cafés Lúa compartiu a súa maneira de entender este produto e o traballo que hai detrás de cada cunca. Unha ocasión para falar de sabores e procedencias, pero tamén dunha historia familiar que leva máis de tres décadas ligada ao café.

Cafés Lúa naceu na Costa da Morte hai máis de 35 anos, da man de Luz e Antonio. Hoxe é a segunda xeración, representada por Laura e Ana, quenes continúan dando forma a un proxecto que medrou sen perder a súa esencia: o coidado do produto, o trato próximo e a elaboración artesanal.

Desde Carballo, Cafés Lúa aposta por unha maneira de traballar na que a calidade vai acompañada tamén da preocupación pola sustentabilidade. Café tostado con enerxía renovable, cápsulas biodegradables e compostables, cafés ecolóxicos ou iniciativas como a reutilización dos sacos e dos pousos do café forman parte dunha filosofía que procura reducir o impacto e aproveitar os recursos.

É unha maneira de facer que conecta co Castelo Conta: proxectos enraizados no territorio, que medran sen renunciar á proximidade e que poñen en valor o feito con tempo e coidado.

Ata a fin do festival, Cafés Lúa seguirá acompañando a actividade da Taberna Casa Rodríguez e os diferentes momentos que se viven arredor dela.

Manzaneda pecha o percorrido de ‘Mulleres que Contan’ antes da estrea no Castelo Conta
A App do Castelo Conta, leva o festival no peto
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.