O Cruceiro de Castelo, en Taboada, acolleu o pasado martes 4 de agosto unha nova preestrea da peza documental dedicada ás mulleres deste territorio, nun encontro no que as protagonistas estiveron acompañadas polas súas familias, amizades e veciñanza.
Taboada reivindica unha vellez acompañada EN ‘Mulleres Que Contan’
A cita, celebrada ás 20.00 h, forma parte do percorrido previo á estrea do documental colaborativo no Festival Castelo Conta, o vindeiro 27 de agosto. Como nas anteriores presentacións, a xornada comezou coa benvida ás protagonistas, que chegaron ao espazo entre a música das gaitas. A alfombra e o photocall convertéronas, unha vez máis, nas auténticas protagonistas da tarde, nunha celebración que puideron compartir coa súa xente máis próxima.
En Taboada, ademais, había unha expectación especial. As mulleres participantes quixeron que os seus fillos, fillas, netos e netas estivesen presentes para escoitalas e coñecer de primeira man o proceso vivido durante estes meses. A presenza da familia fixo da preestrea un encontro especialmente interxeracional, no que as protagonistas puideron compartir con quen as rodea algunhas das reflexións construídas arredor dos coidados, a vellez e a maneira na que queren vivir esta etapa das súas vidas.
A proxección permitiu achegarse a unha das principais preocupacións que atravesan o documental: como garantir unha vellez digna e acompañada cando os recursos económicos poden determinar o acceso aos coidados. As participantes reivindican a necesidade dun sistema público que asegure estes servizos e lembran as dificultades que existen para recibir na propia casa os apoios e os coidados especializados que poden ser necesarios.
Fronte a esta realidade, as mulleres de Taboada sinalan tamén unha das súas maiores fortalezas: estar xuntas. A compañía e os vínculos construídos entre elas convertéronse ao longo dos anos nunha forma de coidado fundamental. Por iso, cando se preguntan que ingredientes precisa unha boa vellez, aparecen cuestións como quererse a si mesmas, coidarse, manter a autonomía e poder valerse soas ata o final, sen esquecer a importancia da saúde mental.
Estas reflexións trasladáronse tamén ao coloquio posterior á proxección. Aproveitando a presenza do alcalde, as participantes formularon unha petición concreta: recuperar a antiga escola da aldea para convertela nunha casa comunitaria na que poder envellecer xuntas. Un espazo propio no que compartir tempo, actividades e coidados, e no que seguir facendo comunidade. Un lugar que, como explicaron, podería converterse tamén nun espazo para celebrar e gozar da vida.
O encontro deixou outros momentos máis desenfadados. O fillo dalgunha tomou a palabra para agradecer todo o que as súas nais lles ensinaron sobre os coidados e comprometerse a acompañalas nesta nova etapa das súas vidas. A mensaxe foi clara: agora tamén lles toca a eles coidar e estar presentes. E, sobre todo, lembrárllelo a elas: que se deixen coidar.
As preguntas e intervencións permitiron así ampliar as reflexións que atravesan o documental e poñer en común diferentes maneiras de entender os coidados. As mulleres de Taboada non falan só de como queren ser coidadas, senón tamén de como queren seguir vivindo: acompañadas, con autonomía e decidindo sobre o seu propio futuro.
A tarde rematou entre música, petiscos e conversacións, acompañadas polos gaiteiros, nun ambiente festivo que deu continuidade ao espírito do encontro. As propias ‘Mulleres de Castelo’, precursoras desta iniciativa, aproveitaron a coincidencia para celebrar o percorrido feito: se o primeiro proceso nacera en Castelo, en Culleredo, que bo salto este de ir de Castelo en Castelo. Unha frase que resume tamén o camiño de ‘Mulleres Que Contan’: unha rede que continúa medrando, conectando territorios e poñendo en común as voces, os coidados e as reivindicacións das mulleres que forman parte dela.
