MÉRCORES 26 DE AGOSTO|21:00

Ailá

O espírito dunha foliada galega levado ao escenario: música de raíz, baile e unha proposta que revisita o repertorio popular con novos sons, arranxos e unha enerxía propia.

Ailá nace nas foliadas nocturnas da Casa das Crechas de Santiago de Compostela, un espazo de encontro no que catro músicos comezaron a compartir a súa paixón pola música tradicional galega. Desde aí construíron un proxecto que parte das recollidas populares e do saber transmitido de xeración en xeración para levalo a un son propio, aberto, e cun pé no presente e outro no pasado. 

A banda define a súa proposta como tradi, un universo no que as melodías tradicionais conviven con novos arranxos, diferentes recursos musicais e influencias doutras culturas. Con Ángela Carou, Manuela Fraguela, Manuele Pardo e Xan Pampín, Ailá recupera cantares, ritmos e formas de entender a música popular para devolvelos ao presente cunha mirada fresca e chea de personalidade.

A súa música conserva a esencia das alboradas, dos pasarrúas e das foliadas: o lugar onde cantar, bailar e compartir forman parte da mesma experiencia. Entre gaitas, acordeóns, percusións, zanfonas e voces, Ailá constrúe un son que nos traslada directamente a eses espazos de encontro popular, creando un ambiente no que a música se vive de maneira colectiva.

Co seu disco Ailá e traballos posteriores como Sansolimón, a formación consolidouse chegando tamén a escenarios internacionais como o Festival Interceltique de Lorient ou Celtic Connections.

No Castelo Conta, Ailá traerá ao serán no Xalo unha festa de música e comunidade na que o público poderá quentar motores para a posterior foliada.

O evento conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.